Folga na Escola Superior de Arte Dramático

Seguida polo 100% do profesorado e alumnado en protesta polo recorte de docentes.

Tal e como lembrou esta mañá durante a concentración en Pontevedra o representante do profesorado, Afonso Becerra, “esta é a primeira vez desde que se inaugurou a Escola Superior de Arte Dramático de Galiza en 2005 que se celebra unha folga”. Desde a CIG-Ensino reclámanlle ao inspector Gustavo Lorenzo Prozzo e o xefe territorial César Pérez Ares que atendan as reclamacións da comunidade educativa que viu como nos últimos dous anos perderon seis docentes do seu cadro de persoal.

A maiores, voceiros do profesorado e do alumnado explican que desde a consellería se lles dá o mesmo tratamento en todos os aspectos que a un instituto de Secundaria cando as ensinanzas que se imparten neste centro son equivalentes ao grao universitario. Isto implica bolsas de estudos inferiores ao estudantado universitario. Logo da concentración interviu a vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galiza, Mabel Rivera, que defendeu a dignidade da profesión e da formación que reciban os e as futuras profesionais deste sector.

O comité de folga encabezado pola CIG-Ensino fixo entrega no rexistro dun escrito dirixido ao xefe territorial no que comina a consellería a conceder o profesorado que pide o centro para poder comezar as clases con normalidade. Para o xoves está prevista outra concentración diante do edificio territorial da Xunta ás 11 da mañá.

Fonte: CIG-Ensino

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*