Seis de cada dez docentes teñen problemas para conectar co alumnado durante o confinamento

O inquérito da CIG-Ensino indica a fenda dixital e social do alumnado á que a teleformación, malia os esforzos docentes, non pode dar resposta.

Máis de 6.350 docentes participaron no inquérito e deixaron máis de 1.600 comentarios nos que segundo informa a CIG-Ensino, “se constata a existencia dunha fenda dixital e social que leva a que unha ampla maioría dos participantes recoñeza dificultades para conectarse co seu alumnado”. Só un 20% do persoal docente afirma que pode interactuar sen problemas co estudantado. A maioría (61%) di que pode comunicarse con limitacións, principalmente con orixe no alumnado (o 82% dos que teñen limitacións) mais en menor medida tamén dos e das docentes (18%).

O estudo amosa que hai unha maior afectación derivada de vivir no ámbito rural, xa que ao respecto do alumnado que vive en cidades e vilas medias, hai un diferencial de dez puntos porcentuais (45% fronte a 34 ou 35%) no motivo que explica a falta de comunicación co profesorado. Ademais, no 25% das aulas do profesorado que contestou ao cuestionario a participación é inferior ao 30%. Fronte a este dato, só un 10% das aulas rexistran unha participación maior do 90% dos discentes.

En máis da metade das súas aulas participa menos da metade do alumnado

Ademais de “problemas de cobertura” os comentarios deixados polos docentes indican outros condicionantes socio-económicos detrás desta desconexión: dificultade das familias para o manexo dos dispositivos electrónicos e das plataformas educativas, pais e/ou nais que teñen que compaxinar traballo como servizos esenciais e/ou teletraballo co coidado das crianzas e que polo tanto precisan dos medios informáticos en horario escolar ou non dispoñen de tempo para acompañalos nas actividades de ensino/aprendizaxe, situacións económicas complexas derivadas de ERTE´s, despedimentos, peches de negocios familiares, etc. Factores todos que lastran unha actividade docente que, segundo o profesorado que respondeu a enquisa, indicaría que en máis da metade das súas aulas participa menos da metade do alumnado.

No caso dos nenos e nenas que teñen diversidade funcional ou que precisan dun apoio específico compróbase como sofren con maior carga de profundidade a falta de recursos e de interacción co seu profesorado habitual e coas especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Máis de dous terzos das respostas apuntan a unha diferenza apreciábel co resto do alumnado. A metade delas (case un 35% do total das respostas) indican unha menor participación deste alumnado, mais destaca unha porcentaxe case igual (31%) que apunta aos insuficientes recursos e materiais adaptados. Só un reducido 20% dos docentes que responderon afirman que a participación no ensino telemático é similar.

Avaliación e promoción de curso con excepcións

Case un 79% considera que o mellor criterio é unha promoción de curso no que as excepcións teña que fixalas o equipo docente, en función da evolución do seu alumnado ao longo do curso, ciclo ou etapa segundo corresponda, mais sen que a interrupción da docencia presencial poida afectar a esa promoción. Outras opcións como o aprobado xeral (4%) ou a promoción automática sen que o equipo docente poida fixar excepcións (14%) son claramente minoritarias.

Dependendo da etapa educativa hai disparidade de pareceres acerca de como afrontar este final de curso: o 69% dos mestres e mestras que traballan en infantil e primaria consideran como mellor opción dar o curso por rematado, desde o punto de vista académico, no remate da 2ª avaliación. Pola contra, a opción dunha avaliación final condicionada e non discriminatoria é maioritaria nas demais etapas educativas: 59% na ESO, 63% no Bacharelato, 65% na FP e 58% no resto de ensinanzas.

Sen apoio da inspección educativa

A enquisa tamén recolle que dous terzos do profesorado (66%) non recibiu ningún tipo de orientación sobre a adaptación das tarefas co cambio á teledocencia ou das destrezas a desenvolver co alumnado. Ese terzo do persoal docente que si recibiu orientacións ou indicacións afirma que foi sobre todo a través do resto do profesorado (52%), especialmente do propio centro (40%) e en menor medida de fóra do centro (12%).

Un papel destacado xogan neste caso as direccións, que achegaron nun 44% dos casos as orientacións sobre posíbeis adaptacións á teledocencia. Un papel absolutamente irrelevante, critica a CIG-Ensino, é o que xoga neste caso a inspección educativa, xa que só representa o 3% da información e orientación achegada.

Preme aquí para revisar os datos completos da enquisa

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*