A CIG critica a “alerxia a negociación” coa oferta de prazas de Educación

Lamentan que se inflan cifras coa promoción interna e non se negocian as especialidades ofertadas.

“A única novidade ao respecto do previamente filtrado está na oferta de 4 prazas de Portugués para Secundaria, en cumprimento dunha resolución aprobada por unanimidade no Parlamento e que a CIG-Ensino trasladara en numerosas ocasións, sendo a máis recente a entrevista coa nova conselleira”, explican desde CIG-Ensino ao fío da oferta de prazas no ensino presentada este martes pola Consellería de Educación. Desde a formación sindical critican que non se estudasen as propostas achegadas e que “suporían unha mellora substancial do desenvolvemento do proceso selectivo”. “A Xunta demostrou de novo ser remisa a aceptar calquera proposta de mellora”, critican.

“A oferta real deste ano, como a do ano pasado, debe analizarse tendo en conta as cifras de acceso libre. Non falamos, por tanto, de 2.064 prazas reais senón de 1.788 prazas de acceso libre”, subliñan, criticando ademais que non se coñeza ningún plan estratéxico a varios anos vista, en función da idade do profesorado das diferentes especialidades e das posíbeis xubilacións nin necesidades do sistema educativo.

“A oferta de prazas presentada pola Consellaría parte do límite imposto polo acordo sindical estatal, polo que se poden ofertar prazas nas oposicións sempre que non se superen os cadros de persoal existentes no ano 2017, aceptando submisamente os efectos dos recortes desde o ano 2010. Tal é así que os orzamentos do 2019 recollen un recorte de profesorado, cun total de 29.987 docentes fronte a 30.098 dos dous últimos anos. Polo tanto, esta OPE non vai servir para aumentar profesorado, que é unha das principais demandas do propio persoal docente e da CIG-Ensino”.

Sen solucións para os interinos

O 36% das persoas que aprobaron as oposicións nunca traballaran para a Consellaría de Educación.
Dous terzos das persoas aprobadas teñen un máximo de 2 anos como persoal interino. A porcentaxe de docentes interinos con máis de 5 anos de experiencia que aprobaron as oposicións é do 18%.
No caso daquelas persoas cunha longa experiencia profesional (superior a 10 anos) a porcentaxe de aprobados limítase ao 5% (79 persoas en total en todos os corpos).

En opinión da CIG-Ensino, “é obvio que a inexistencia dun acordo de estabilidade para o persoal interino en risco de perder o seu posto de traballo, xunto coa necesaria oferta de oposicións polas elevadas cifras de xubilacións e un sistema que obvia a fase de concurso e provoca a competencia entre as persoas con méritos na docencia con aquelas outras que non teñen experiencia previa é un escenario que pode provocar nos próximos anos que se incrementen os despidos do persoal interino”.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*