A Primavera das Letras viaxa ás raíces da nosa cultura da man da herdanza de Antonio Fraguas

A Real Academia Galega abre unha nova edición da iniciativa nun acto co alumnado de Cotobade, a que foi a primeira fiestra ao mundo para Antonio Fraguas.

“Antonio Fraguas vainos permitir viaxar polas raíces da nosa cultura, a cultura popular, tan próxima a nós, en certa medida a memoria dos avós, que fixeron posible que en tempos de devalo a lingua e a cultura de Galicia teña a vitalidade que acadou hoxe. Como ben di o título do proxecto, Primavera das Letras é sobre todo unha primavera: una aposta apaixonada e optimista cara ao futuro“. Así o subliñaba o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, na celebración coa que se presentaba unha nova edición de Primavera das Letras, adicado ao homenaxeado en 2019 co Día das Letras Galegas, Antonio Fraguas Fraguas.

A institución presentou o proxecto web que fornece de material lúdico e didáctico arredor da súa vida e obra da man da comunidade educativa de Cotobade. O alumnado do CEIP de Carballedo e do veciño CEIP de Tenorio ofreceron tamén a súa propia visión da traxectoria do intelectual cunha representación dramatizada da súa biografía e un vídeo. A directora do CEIP de Tenorio, Ana Porto Magariños, conduciu o acto, que se desenvolveu na biblioteca do CEIP de Carballedo e que foi seguido en directo desde o seu propio centro de ensino. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a académica Fina Casalderrey foron os encargados de presentar o proxecto e, tras as actuacións do alumnado, Avelino Martínez Cimadevila, sobriño de Antonio Fraguas, pechou a celebración, que contou tamén coa participación do alcalde de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela, e de membros da Fundación Antonio Fraguas.

Semente primeira para coñecer e amar a cultura e o país
O portal Primavera das Letras ofrecerá ao longo das vindeiras semanas diverso material en forma de fichas didácticas e actividades interactivas pensado para que os docentes e as familias poidan traballar contidos transversais relacionados con Fraguas. Canda isto, tamén se poñerá en marcha un ano máis o concurso ‘Contádenos o voso Día das Letras’ que pretende servir de escaparate aos recursos que producen as propias escolas e intentar que ese inxente labor chegue tamén á sociedade.

Víctor Freixanes subliñou que o proxecto quere ser na rapazada unha “semente primeira para coñecer e amar a súa cultura e o seu país”. A ese respecto o presidente da RAG sostivo que “arredor da figura que cada ano a Academia elixe para celebrar o Día das Letras Galegas, procuramos elaborar propostas e iniciativas útiles para o ensino e para a dinamización cultural nestes niveis”. En relación á comunidade docente afirmou que “Somos moi conscientes do seu esforzo, da súa dedicación e do seu talento, que se manifesta na cada vez maior participación de colexios nesta convocatoria”.

Na súa intervención, Fina Casalderrey explicou que este proxecto é unha das iniciativas da RAG que máis satisfacción lle producen a nivel persoal, “quizais porque me permite seguir en contacto co alumnado e o profesorado, e enchoupármonos de vida, de entusiasmo e de esperanza no futuro da nosa lingua e, como consecuencia, de nós como pobo”. “Para que as Mil primaveras de Cunqueiro se cumpran, hai que crear vasos comunicantes entre a Academia e a xente miúda e o profesorado”.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*