“Só sei pedirche que non escampes nunca”

“Comezaches sendo froallo suave, babuña e patiñeira; pero pouco a pouco fuches pasando a chuvascada, arroiada e xistra, rematando nunha auténtica treboada, enxurrada e dioivo. Empapáchesme de pés a cabeza e eu, entre tanto sinónimo, só sei pedirche que non escampes nunca”

Así o escribiu Nee Barros Fernández (Marín, Pontevedra), na mensaxe gañadora, titulada Máis que choiva, do primeiro premio na Categoría A (para persoas de 14 a 19 anos), do certame Lingua de Namorar na súa edición 2019.

O segundo premio foi para Conto contigo, de Irea Cendán Cadahía (As Pontes, A Coruña):
“Se teño frío, conto coa túa calor; se a tristeza me aborda, conto co teu sorriso; se non me atopo na escuridade, conto coa túa luz. Non teño medo porque sei que se me sinto soa, conto contigo”

E o terceiro premio para Tan guapa, de Yago Rubio Álvarez (Vega de Espinareda, León)
Tan doce que os mosquitos van a ti,
Tan bonita que es fotografada por excursións de xaponeses,
E a túa lingua é o mellor motivo para aprender idiomas.

O obxectivo de Lingua de namorar, iniciativas conxunta da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, é fomentar a creatividade en galego e o uso desta lingua entre a mocidade, neste caso no ámbito do uso social e para as relacións persoais das tecnoloxías da información e da comunicación.

O xurado, que desta volta presidiu a escritora Ánxela Gracián, concedeu os seis premios establecidos nas bases a outras tantas mensaxes elixidas de entre as 50 máis votadas no concurso en cada categoría, así como unha mención de honra. Para facer esta selección tivéronse en conta o grao de elaboración, a orixinalidade e a calidade lingüística das declaracións de amor presentadas a concurso. Preto de 600 mozos e mozas participaron na sétima edición de Lingua de namorar, ben como concursantes, ben como lectores e votantes das mensaxes.

“A discusión: corazón vs. Cabeza”
As mensaxes gañadoras na Categoría B, para persoas de 20 a 35 anos, son as seguintes:
Primeiro premio: Este, para min, Navia Rivas de Castro (Boimorto, A Coruña)

Erguerei do chan o meu corpo atropelado pola vida,
aloumiñarei as súas costuras,
coidarei as súas raíces.
Tecerei a miña liberdade en cada novo paso.
e non me renderei,
Querereime. Sempre.

Segundo premio: Amor diglósico, Darío Rodríguez González (Vigo, Pontevedra)
Non se pode vivir así, non é lóxico
O amor bilingüe, o amor diglósico,
É un sinvivir, é un despropósito
E ás veces resulta mesmo un pouco tóxico,
Falar por boca de ganso, falar con lingua de trapo,
Case vai ser millor amar en castrapo.

Terceiro premio: A discusión: corazón vs. Cabeza, Cándido Paniagua Pousa (Xinzo de Limia, Ourense)
O corazón dixo: eu non atendo a razoamentos, tan só a impulsos.
A cabeza replicou: eu analizo a situación e busco a mellor opción.
O corazón retrucou: mentres ti perdes o tempo argüíndo, eu latexo desfrutando o momento.
E a cabeza calou, buscando unha boa resposta.
Nese intre, o corazón sorriu, sabedor de que gañara a discusión.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*