#AsPalabrasDaCiencia2022, a campaña en redes sociais que une lingua e ciencia

• A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña celebrará o Mes da Ciencia en Galego subliñando a importancia de dinamizar a lingua galega neste eido

• Entrevistas, reportaxes e actividade de lecer conforman uns contidos que buscan achegarse a todos os públicos, incluído o infantil e xuvenil

• A campaña sorteará un telescopio e lotes de libros de divulgación científica entre os e as internautas que axuden a difundir a campaña

A Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña bota a andar este xoves a segunda edición de #AsPalabrasdaCiencia. A campaña, que se difundirá a través de internet durante todo o mes de novembro, quere mostrar o compromiso da institución provincial co mundo científico e a importancia de dinamizar a lingua galega nunha área de tanta referencia social.

O proxecto serve para abrir unha pequena fiestra ao labor de tantas mulleres e homes que traballan ao longo de todo o ano en múltiples disciplinas científicas, e quéreo facer coas nosas palabras, coa nosa lingua, porque en galego tamén se constrúe ciencia.

A campaña, que contará cunha imaxe gráfica propia, espallará nas redes sociais da institución provincial (Facebook, Twitter e Instagram) contidos que asocian os valores da ciencia co uso do idioma galego. A través deles ofrecerase información sobre centros de referencia na investigación e divulgación e sobre fitos históricos da nosa ciencia. Tamén se incluirán proxectos que se desenvolven na provincia da Coruña e que teñen o apoio da Deputación da Coruña. A campaña dirixirase ao conxunto da cidadanía e por iso unha parte dos contidos estarán pensados para as persoas máis pequenas da casa.

Concursos e participación de internautas

Os e as internautas serán as protagonistas e motor principal desta campaña. #AsPalabras da Ciencia convidaraos a difundir os contidos que se xeren ao longo de todo o mes para que cheguen ao maior número de persoas usuarias posible. Entre todas as persoas que colaboren nesta campaña sortearase un telescopio e tres lotes de libros de ciencia en galego.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*