Por que debemos promover o deporte nos nosos fillos e fillas?

Ademais de contribuír a atrasar ou evitar o desenvolvemento de enfermidades e a aumentar o número e a calidade de anos vividos, hai moutras outras razóns.

Autor: Ricardo Ortega Sánchez-Pinilla. Pai e médico

Cada vez identifícanse máis orixes xenéticas para as enfermidades, o que significa que os fillos están expostos a desenvolver as mesmas enfermidades que os pais. Pero, afortunadamente, ao mesmo tempo sábese que a influencia do ambiente pode modificar este destino, acelerándoo, freándoo ou evitándoo. E este ambiente está constituído pola alimentación e o nivel de actividade físico-deportiva, que son elementos da nosa vida intimamente ligados e inseparables, posto que a alimentación posibilita que o organismo se poida mover, e cuxo equilibrio xera saúde, se a alimentación é correcta e o grao de movemento é alto en cantidade e intensidade, ou enfermidade, se a alimentación é incorrecta e o movemento escaso ou nulo.

Para conseguir que os fillos vivan máis anos e con máis calidade de vida que os seus proxenitores, é necesario, por tanto, que aqueles manteñan unha vida de maior actividade física que estes. Pero, para que unha persoa se manteña fisicamente activa toda a súa vida, é necesario que inicie ese estilo de vida na nenez ou a adolescencia, porque son as idades nas que mellor se inculca esa conduta e onde máis arraigada queda. E para iso, a esas idades, os fillos necesitan que sexan seus pais, con ou sen a participación da escola, quen os inscriba nun deporte, e os anime, os apoie e lles facilite a asistencia aos adestramentos e a competición.

Se aos fillos e fillas se lles introddeporte-nenosuce no interese pola práctica deportiva, estarase a actuar sobre outras condutas de saúde, xa que tamén se preocuparán por ter unha mellor alimentación, evitarán o consumo de tabaco ou drogas e moderarán o consumo de alcol, preferindo coidarse para a competición os fins de semana, en lugar de saír a facer o “botellón” ata altas horas da madrugada.

Os proxenitores teñen que saber que a práctica dun deporte por parte de seus fillos e fillas custa diñeiro, con máis motivo canto máis sofisticado é o tipo de deporte. Isto pode facer que haxa pais que abandonen esa idea e prefiran dedicar ese diñeiro a que perfeccionen outras materias (inglés, informática, música, etc) que eles xulgan máis útiles para o futuro de seus fillos. Con todo, se eses pais pensan, de verdade, que o máis importante para eles é a saúde dos seus fillos, deberían considerar que o diñeiro que gasten na práctica deportiva de seus fillos será o mellor investimento que poidan facer neles.

Os pais deberían recompensar ou recoñecer, dalgunha maneira obxectiva para os seus fillos, os éxitos que van conseguindo, entendendo como tales os progresos deportivos, por mínimos que sexan, e non a obsesión por ser sempre os gañadores. Tamén deberían consolalos cando fracasan, minimizando as consecuencias dese fracaso e recalcándolles que no deporte, como na vida, non todo son éxitos, senón que tamén hai fracasos, e destes poden sacar consecuencias e aprendizaxes moi útiles para as demais facetas da vida futura. Así mesmo, teñen que facerlles fincapé en que deben practicar o deporte como un elemento máis da súa formación humana e social e como unha forma de coidar a súa saúde, con vistas a manter unha vida fisicamente activa cando sexan maiores e cando cheguen a anciáns, e non como un medio de conseguir fama, diñeiro ou recompensas materiais.

Hai pais e nais que teñen medo a que a práctica deportiva de seus fillos deteriore o seu rendemento académico, e iso fai que sexan contrarios a esa práctica. Con todo, deberían saber que está demostrado que os nenos e adolescentes que practican deporte teñen maior rendemento académico, sempre que, como en todos os aspectos da vida, se manteña un xusto equilibrio entre os estudos e a práctica deportiva.

Na vida dos fillos presentaranse momentos nos que será máis difícil manter a práctica deportiva, como o paso da escola ao instituto ou deste á universidade, o noivado, o inicio da actividade laboral ou profesional, lesións, enfermidades, actividade familiar extraordinaria, vacacións ou cambios de domicilio. Nestas situacións é necesario que os pais e nais presten a axuda e o apoio necesario para que os fillos e fillas continúen coa súa práctica deportiva.

Por outra banda, demostrouse que as horas de utilización do computador están relacionadas de forma directa co desenvolvemento de obesidade, que constitúe, posiblemente, o maior problema de saúde que está a afectar actualmente a nenos e adolescentes. Se os pais queren que seus fillos poidan seguir utilizando o computador sen desenvolver ese problema, a única forma que teñen de conseguilo é a través do fomento da práctica deportiva en seus fillos.

Ademais de contribuír a atrasar ou evitar o desenvolvemento de enfermidades e a aumentar o número e a calidade de anos vividos polos fillos, a práctica dun deporte pódelles proporcionar tamén os seguintes beneficios:

• Ensínalles a traballar en equipo, mesmo en deportes individuais.

• Ensínalles autodisciplina e a programar os horarios da súa vida.

• Ensínalles a fixarse obxectivos e traballar para conseguilos.

• Desenvolve a súa forza de vontade e a súa capacidade de sacrificio.

• Favorece as súas relacións sociais e a adquisición de amigos da súa contorna deportiva, que supoñen compañías máis sas e seguras.

• Desenvolve a súa capacidade competitiva e estimula o seu interese polo progreso.

• Ensínalles a asimilar de xeito san as vitorias e as derrotas.

• Indúceos a unha maior preocupación por unha vida sa (alimentación, descanso, abstención de tabaco e outras drogas).

• Desvía as súas formas de diversión de condutas como “o botellón” ou pasar as noites na discoteca, cara ao goce da competición e das reunións con compañeiros e rivais.

• Posibilítalles un crecemento máis san e un desenvolvemento máis completo.

• Axúdalles a obter un maior rendemento académico.

• Aumenta as súas probabilidades de seguir facendo deporte ou exercicio físico durante a vida adulta.

Para contribuír a que a práctica deportiva de seus fillos e fillas sexa satisfactoria e gratificante para eles e que, desta forma, sexa unha conduta que persista neles e lla transmitan á súa vez tamén a seus fillos, os proxenitores deberían seguir as seguintes pautas de comportamento:

• Asegurárense de que seus fillos saben que, gañen ou perdan, os pais e as nais quérenos e non están defraudados coas súas actuacións.

• Ser realistas acerca das capacidades físicas de seus fillos.

• Axudar a seus fillos para fixárense metas realistas.

• Salientar a mellora da actuación, non o gañar, xa que a mellora das destrezas serve de reforzo positivo.

• Non revivir o propio pasado deportivo a través dos fillos e fillas.

• Buscar un ambiente san e seguro para o adestramento e a competición, o que inclúe métodos de adestramento e equipamento adecuados.

• Controlar as propias emocións nos xogos e competicións, o que implica non berrarlle a outros xogadores, rivais, adestradores e xuíces.

• Constituírse nun animador para o neno e os seus compañeiros de equipo.

• Respectar os adestradores do neno, comunicándose con eles abertamente e discutindo amigablemente con eles os métodos de adestramento, se non está de acordo con eses métodos.

Á vista de todo o anterior, posiblemente, a maior prioridade dos pais debería ser fomentar, axudar e impulsar a práctica dalgún deporte por parte dos seus fillos.
Artigo cortesía da AEPAP (Asociación Española de Pediatras de Atención Primaria)

Outros artigos de interese sobre actividade física en Botóns:

 

 

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*